O Consello Regulador pon voz ao Día da Muller Rural

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego conmemoran o Día da Muller Rural a través das súas redes sociais, coñecendo a unha das súas gandeiras, como homenaxe ás máis de 3.600 mulleres inscritas, que co seu traballo manteñen vivo o noso medio rural. Despois de case 30 anos en Ternera Gallega, María Jesús Carollo tamén apostou polo vacún maior e forma parte de Vaca Galega / Boi Galego.

Desde a súa gandería na Aldea de Abaixo, preto de Santiago de Compostela, María Jesús explicounos como é un día no seu traballo e como coida e alimenta aos seus animais. Tamén destacou a importancia de contar cun selo de calidade detrás, como garante tanto para os produtores como para os consumidores, aos que anima a valorar os alimentos con IXP. Como di, “hai moita carne, pero non toda é igual”.

O Día da Muller Rural celébrase desde o 2008, co obxectivo de recoñecer o papel clave das mulleres no desenvolvemento, na seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza no rural. Este ano, desde a Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), reivindican o potencial das mulleres rurais ante a recuperación económica e social. Lembran que o emprendemento e a igualdade de dereitos e oportunidades son as claves.