A carne de produción ecolóxica de Ternera Gallega Suprema contará cun distintivo específico na súa etiquetaxe

    • A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, asinou un convenio de colaboración co Craega e co CRIXP Carne de Vacún de Galicia (xestor da IXP Ternera Gallega) para realizar de forma conxunta as actividades de control e de promoción da carne Ternera Gallega Suprema Ecolóxica.
    • O convenio servirá para potenciar o consumo desta produción, de excelente calidade e respectuosa co ambiente, e tamén para facilitar o funcionamento de ambos consellos reguladores.

Co impulso e a participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, hoxe asinouse un convenio de colaboración entre o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que xestiona a IXP Ternera Gallega, para a realización conxunta das actividades de control e de promoción da carne de Ternera Gallega Suprema que conte tamén coa certificación da produción ecolóxica. A finalidade principal do convenio é a identificación no mercado desta carne que ten unha dobre certificación cunha etiqueta específica conxunta.

Ambos consellos reguladores comprométense a colaborar nas tarefas de control e certificación desta carne e a desenvolver, co apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, actividades de promoción específica para esta produción.

Dentro da IXP Ternera Gallega, a carne da categoría Suprema procede de animais que se crían en explotacións con vacas nai, que tiveron un período de lactación materna mínimo de  sete meses e que se sacrificaron antes dos dez meses. En 2022, a produción de Ternera Gallega Suprema superou as 12 mil toneladas. Parte desta produción, a que cumpra as estritas normas da produción ecolóxica, será a que se identifique no mercado coa etiquetaxe específica:

Deste xeito, os consumidores poderán distinguir de forma sinxela a carne coa dobre certificación e a etiqueta empregarase tamén nas campañas de promoción. Debe terse en conta que o seu consumo é de interese non só polo seu valor nutricional, senón tamén polo valor ambiental que teñen este tipo de producións baseadas en gandarías extensivas.