A Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro recibe a formación da IXP Ternera Gallega

Traballar directamente coa carne certificada permite aos alumnos das escolas de hostalaría familiarizarse co produto, coñecer a súa versatilidade gastronómica e as cualidades que o diferencian doutras carne sen selo de calidade e sen orixe garantida. Esta é a premisa do programa de formación do Consello Regulador, co obxectivo de que os estudantes de hoxe incorporen o vacún galego certificado ás súas carreiras profesionais no futuro.

Este venres, os alumnos da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro asistiron a un curso teórico e, sobre todo, práctico impartido polo director de Promoción, Luis Vázquez, que lles explicou o funcionamento da IXP Ternera Gallega: como traballan as ganderías inscritas, o tipo de animais e razas admitidos, a súa alimentación e manexo. Especial fincapé fixo na etiquetaxe que permite identificar a carne certificada e as súas categorías comerciais. Cuestión relevante para que os estudantes poidan recoñecer o produto amparado, sabendo que estas etiquetas garanten a súa orixe e calidade tras superar o programa de control e de rastrexabilidade do Consello Regulador. 

Pezas e tratamento

Cada peza, o seu uso culinario. É a idea que Ternera Gallega divulga tanto a nivel promocional como no ámbito formativo, coa meta de lograr un aproveitamento integral de todo o canal e non só dos cortes máis afamados. Por iso os alumnos da Álvaro Cunqueiro puideron coñecer pezas singulares como a tapa da pa, o vacío e o corte redondo; que co adecuado corte, preparación e cociñado ofrecen resultados gastronómicos de altura. Eles mesmos despalmaron a carne e elaborárona á prancha. 

Esta escola, con 25 anos de experiencia, pertence á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de A Coruña e ten por obxectivo profesionalizar o sector e cubrir ás súas necesidades formativas.