Rosa Quintana asiste en Madrid ao Consello Consultivo de Política Agrícola
(xunta.es 16/01/2012) Por primeira vez participa neste órgano colexiado na súa condición de conselleira do Medio Rural e do Mar. No encontro, que estivo presidido polo ministro Arias Cañete, abordáronse entre outros asuntos a Organización Común dos Mercados agrícolas e o benestar animal.A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Madrid ao Consello Consultivo de Política Agrícola, no que entre outros asuntos abordouse a Organización Común dos Mercados de produtos agrícolas e o benestar animal. Esta é a primeira xuntanza deste órgano colexiado –no que participan representantes de tódalas comunidades autónomas e do Goberno Central– ao que asiste Rosa Quintana na súa condición de conselleira do Medio Rural e do Mar.A reunión tivo lugar na sede do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e estivo presidida polo propio titular do departamento, Miguel Arias Cañete. A Organización Común dos Mercados (OCM) agrícolas ofrece un marco xurídico único que regulamenta o mercado interior, os intercambios cos terceiros países e as normas de competencia. No caso de Galicia ten especial importancia no que atinxe aos subsectores lácteo e vitivinícola.En relación co outro asunto abordado nesta xuntanza, o benestar animal, a Consellería do Medio Rural e do Mar mantén un firme compromiso para facer posible que as producións agroalimentarias galegas sexan seguras, de calidade e respectuosas co ambiente e co benestar dos nosos animais. Compromiso que se manifesta a través de diferentes liñas de actuación, entre as que salientan o mantemento de programas sanitarios, mellora xenética, apoio ás explotacións gandeiras para os seus investimento, axudas para a promoción da calidade e fomento e, no seu caso, recuperación de razas autóctonas.