A Consellería do Medio Rural convoca 71 bolsas formativas en agroforestal, veterinaria e alimentaria
A Consellería do Medio Rural e do Mar convoca 71 bolsas de formación en especialidades agroforestal, veterinaria e alimentaria
(mediorual.xunta.es 19/04/2012) Estas prácticas levaranse a cabo en unidades dependentes da Secretaria Xeral do Medio Rural e Montes e en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan 71 bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación e para os titulados recentes en especialidades agrarias, forestais, veterinaria, tecnoloxía dos alimentos e bioloxía.
A Xunta veu convocando bolsas de prácticas en anos anteriores coa finalidade de que os recentes titulados universitarios e de formación profesional da rama agraria complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos, cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional. Isto facíase a través de distintas liñas de axudas que agora se considera necesario unificar para racionalizar a asignación dos recursos públicos. Estas bolsas de prácticas serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no 80%.
Carácter das bolsas e duración
Estas prácticas levaranse a cabo en unidades dependentes da Secretaria Xeral do Medio Rural e Montes e en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario. Un total de 14 bolsas irán dirixidas a tecnólogos; 14 para persoal de apoio á investigación; 14 para estudantes de titulacións ou ciclos da familia agraria e 28 bolsas en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario.
A duración destas prácticas de formación remuneradas vai dende os dous ata cinco meses, non sendo compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin e co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o seu período de duración.
Presentación e prazo de solicitudes
As solicitudes irán dirixidas á conselleira do Medio Rural e do Mar, presentándose preferentemente na Oficina do Rexistro Único de San Caetano, en Santiago de Compostela. Tanto as empresas como os interesados en solicitar estas bolsas deberán presentar as respectivas solicitudes no prazo dun mes, contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.