O Banco de Terras de Galicia permitiralle aos gandeiros e agricultores abaratar os custes
O Banco de Terras de Galicia permitiralle aos gandeiros e agricultores abaratar os custes de produción de forraxes
(medioruralemar.xunta.es 12/06/2012) O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, impartiu hoxe en Lalín a xornada informativa O Banco de Terras de Galicia. Oportunidades e Funcionamento
A xestión do Banco de Terras de Galicia permitiralle aos gandeiros e agricultores adquirir terra para redimensionar as súas explotacións, co fin de abaratar custes de produción de forraxes para os animais. Díxoo o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, no transcurso da xornada informativa “O Banco de Terras de Galicia. Oportunidades e Funcionamento”, impartida en Lalín. Na ponencia tamén participou o xerente do Banco de Terras de Galicia, Javier Blanco.
Crespo destacou a importancia da Lei de Mobilidade de Terras xa que “é prioritaria de cara ás pautas que introducirá a nova Política Agraria Común”, posto que prima as hectáreas de terra en produción. Neste sentido lembrou unha vez máis que esta Lei “reforzará o papel do agro como unha posibilidade de futuro”.
Esta xornada realizouse no marco dos encontros que a Consellería do Medio Rural e do Mar está a manter cos profesionais do sector nas diferentes localidades galegas, co fin de informalos sobre as melloras que ofrece a nova Lei de Mobilidade de Terras e o Banco de Terras.
Concentración parcelaria de Losón e Vilatuxe
A maiores, o director xeral aproveitou para manter unha xuntanza cos veciños das parroquias de Santa Baia de Losón e de Vilatuxe para informalos da evolución das concentracións parcelarias desas zonas.