ORDE do 24 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas

ORDE do 24 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.
(medioruralemar.xunta.es 19/06/2013) Para regular as axudas destinadas a agricultores e gandeiros para facer fronte aos custos de utilización de servizos de asesoramento destinados a mellorar o rendemento global da explotación, prestados por entidades inscritas e recoñecidas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega), creado polo Decreto 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan os servizos de asesoramento e de xestión das explotacións agrarias.
Beneficiarios:
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias que accedan de xeito voluntario aos servizos de asesoramento.
Requisitos:
1.Ser persoa titular dunha explotación agraria, situada no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.
2.Acreditar o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, de acordo co artigo 10 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda.
Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
3.Cumprir os requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4.Acollerse aos servizos de asesoramento prestados por entidades inscritas e recoñecidas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega), creado polo Decreto 235/2007, do 29 de novembro de 2007.
Documentación:
a) Solicitude, axustada ao modelo normalizado que figura como anexo I da orde, debidamente cuberta.
b) Fotocopia do NIF das persoas físicas (só no caso de non autorizar a consulta de datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de la Presidencia) ou NIF das persoas xurídicas.
c) Orzamento do servizo contratado asinado por un técnico da entidade de asesoramento inscrita no Resaxega. O orzamento deberá indicar os conceptos incluídos no servizo, como visitas á explotación, consultas en oficina, consultas telefónicas, elaboración de informes, actas, anotacións do caderno de explotación etc…, indicando o número de actuacións previstas ao longo do servizo, o obxecto da actuación, as unidades ou horas que lle corresponden, o seu valor e o custo final. Ademais, no orzamento figurarán separadas as operacións de asesoramento sobre os novos retos das do resto de operacións.
d) Para os efectos da baremación establecida no artigo 5.2.k), achegarase certificación da entidade responsable do programa de calidade dos alimentos en que participe.
e) No caso de que a persoa titular sexa unha entidade asociativa, para a xustificación do cumprimento do referido no artigo 5.2.i) e j), deberase acreditar cunha certificación do seu representante en que conste o nome das persoas socias, o sexo e a data de nacemento.
f) Así mesmo, cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens ou sociedade civil poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo V desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación, que non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da citada lei.
g) Tamén coa solicitude de axuda as persoas solicitantes xuntarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas (anexo III).
Prazos
a) Prazo de presentación: do 5 de xuño de 2013 ata o 4 de xullo de 2013, ambos incluídos.
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
b) Prazo de resolución: 6 meses.
c) Sentido do silencio: Negativo.