Ternera Gallega e INVAC coñecen o mercado alemán de carne de vacún

A IXP Ternera Gallega participou nunha serie de encontros para o coñecemento do mercado alemán da carne de vacún organizados por INVAC, no pasado mes de outubro. As visitas desenvolvéronse na zona de Baviera e estiveron enfocadas na análise da produción, transformación e comercialización de carnes certificadas con calidade diferenciada.
Os encontros estiveron organizados pola Organización interprofesional INVAC, dentro do plan marco de internacionalización 2013. Contaron cunha axuda do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Participaron técnicos de indicacións xeográficas protexidas e organizacións de marcas de calidade de carne de vacún de Madrid, Navarra, Castela León, Extremadura, Euskadi, Asturias, Andalucía e Galicia.
Celebráronse reunións con asociacións de gandeiros e agrupacións de produtores, con entidades que traballan na mellora xenética, con comercializadores de gando, visitas a matadoiros e salas de despezamento, encontros con responsables de puntos de venda, con organizacións de asesoramento técnico en promoción e comunicación e xuntanzas con responsables da administración bávara que traballan na posta en marcha, control, certificación e promoción da carne de calidade.