ternera gallega
EspañolGalego
 Alta de Usuarios

Presentación da I.X.P. Ternera Gallega

Presentación

Galicia é unha comunidade autónoma na que fai máis de 3700 anos que se produce carne de vacún. Estamos, polo tanto, ante un producto agroalimentario con TRADICIÓN E HISTORIA.

I.X.P.

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega inicia o seu labor de control e promoción en 1989. Desde 1996 está recoñecida pola Unión Europea, sendo a primeira carne de vacún con control integral e certificado de garantía.

A carne comercializada baixo o amparo da I.X.P. Ternera Gallega é exclusivamente de tenreiros nacidos, criados e sacrificados en Galicia, que proceden de razas autóctonas e os seus cruces e que superaron un riguroso programa de control integral.

Control de Calidade

O control abrangue desde o nacemento dos tenreiros, a súa crianza, alimentación e cuidados sanitarios, ata o seu sacrificio e presentación da carne nos puntos de venda, todo isto conforme ó establecido na lexislación vixente. A alimentación dos tenreiros baséase no leite materno, forraxes e concentrados procedentes de vexetais e exentos de calquera subproducto animal ou substancia prohibida. O esforzo que realizamos en control permítenos asegurar que a carne de Ternera Gallega ten a MÁXIMA CALIDADE E GARANTÍA.

Características da carne

Os tenreiros sacrifícanse por regra xeral con menos de 10 meses de idade. A súa carne destaca pola súa cor rosa clara ou vermella suave, infiltración graxa de cor branca nacarada, aspecto magro, textura suave e agradable sabor. Unha vez madurada e ben cociñada, é unha carne de extraordinaria tenrura, sabor e suculencia. En definitiva, é unha carne para padais exquisitos e esixentes, que buscan sensacións únicas e especiais nunha carne de vacún.

A carne amparada por Ternera Gallega preséntase ós consumidores perfectamente identificada, mediante os certificados de garantía e as contraetiquetas correspondentes. Comercialízase ó corte tradicional, en bandexas de fileteado e actualmente tamén envasada ó vacío, tanto en carnicerías tradicionais como en supermercados e grandes superficies comerciais, en toda España.

Garantías

Ó adquirir Ternera Gallega, esixa o noso certificado e contraetiqueta no seu establecemento de compra, como proba da súa procedencia e trazabilidade. Ternera Gallega é A CARNE CON CARNÉ. Sen lugar a dúbidas, é unha das mellores carnes de vacún europeas.